LG anuncia os seus novos teléfonos de gama media

xoves, 22 de decembro do 2016 Marcus Fernández

Para fornecer o seu catálogo de terminais de gama media de cara ao ano que vén LG anuncia o lanzamento de novos smartphones da serie K e o Stylus 3, que amosará no CES, e que achegarán tecnoloxías propias dos teléfonos de alta gama dos últimos meses (como unha cámara frontal cun grande angular de 120 graos e lector de pegadas traseiro) a terminais con prezos asumibles.
O LG K10 sería un smartphone con pantalla de alta definición de 5,3 polgadas, cámara traseira de 13 Mpíxeles, cámara frontal de 5 Mpíxeles, lector de pegadas, marco metálico, pantalla cun cristal 2.5D e un grosor de só 7,9 milímetros. Este teléfono con procesador MediaTek de 8 núcleos, 2 GB de RAM, 32 GB de almacenamento interno, NFC e batería de 2.800 mAh sería o que encabezará os novos móbiles serie K, seguido polo LG K8 (que reduce o tamaño de pantalla ás 5 polgada, confórmase cun procesador de 4 núcleos, 1,5 GB de RAM, 16 GB de almacenamento e 2.500 mAh de batería) e os moi básico LG K4 (que terían unha pantalla de 5 polgadas cunha resolución de só 854 x 480 píxeles, 1 GB de RAM e 8 GB de almacenamento interno) e LG K3 (que reduciría a pantalla até as 4,5 polgadas e a batería a 2.100 mAh).
Máis curioso resulta o LG Stylus 3, especialmente por estarmos nun ano sen Galaxy Note, xa que este terminal con pantalla de alta definición de 5,7 polgadas inclúe un lapis dixitalizador e software para tirar proveito do mesmo. Funciona cun procesador MediaTek de 8 núcleos, 3 GB de RAM, 16 GB de almacenamento interno (ampliable con tarxetas microSD de até 2 TB), cámaras de 13 e 8 Mpíxeles, radio FM, lector de pegadas, batería de 3.200 mAh e Android 7.0, que ten un grosor de 7,4 milímetros e un peso de só 149 gramos. Un smartphone a ter moi en conta, especialmente por ser previsiblemente un dos poucos móbiles económicos con stylus.

PUBLICIDADE