LG anuncia un tablet con Android 3.0 e pantalla 3D

mércores, 2 de febreiro do 2011 Marcus Fernández

T-Mobile e LG presentaron hoxe o seu novo tablet con Android 3.0, que busca destacar por incorporar unha pantalla multi-tactil de 8,9 polgadas con capacidades 3D, á vez que o dispositivo é capaz de gravar vídeo en 3D e en alta definición.
O T-Mobile G-Slate chegará ao mercado norteamericano na primavera facendo uso da rede 4G de T-Mobile, o que xunto ao feito de que sexa un dos primeiros trebellos do mercado en gozar de Android 3.0, parece evidente que estamos ante un dispositivo a ter en conta, aínda que cómpre precisar que o seu sistema de visualización en 3D precisa de lentes para apreciarse.
A cámara traseira do G-Slate ten unha resolución de 5 Mpíxeles, mentres que a frontal confórmase con 2 Mpíxeles, que resultarán de utilidade á hora de establecer chats de vídeo con amigos e familiares tanto a través da rede doméstica ou da de telefonía móbil.
A pantalla do G-Slate pode amosar vídeo ata a 720p, mentres que de valerse da súa saída HDMI, o tablet é capaz de amosar contidos a 1080p ou en 3D. Tamén conta con Wi-Fi, flash, xiroscopio, acelerómetro, sensor de luminosidade, procesador nVIDIA Tegra 2 e 32 Gb de almacenamento flash.
En vista de que este dispositivo aposta pola conectividade 4G, dá a impresión de que non o veremos por España durante o seu lanzamento, pois as comunicacións mediante LTE aínda resultan anecdóticas.

O G-Slate conta con 2 cámaras de 5 Mpíxeles con flash, que tamén serven para captar imaxes en 3D

PUBLICIDADE