LG apostará polas pantallas de ultra alta definición en 2013

xoves, 27 de decembro do 2012 Marcus Fernández

Os novos televisores de LG chegarán a tamaños de ata 84 polgadas

LG continúa a detallar os que vai presentar na vindeira edición do CES de Las Vegas, e na xornada de hoxe decidiu centrarse nos seus televisores, adiantando que vai amosar a súa primeira liña de televisores de ultra alta definición (UHD), así como o monitor de maior resolución do mundo (4K2K). Para poder ofrecer imaxes de UHD LG optará por amosar televisores con pantallas de 55, 65 e 84 polgadas que cuadriplican ás actuais pantallas Full HD cunha imaxe de 3.840 x 2.160 píxeles que tamén serán compatibles con 3D.
Para uso profesional tamén resultará de interese o novo monitor 4K2K de LG, que presume de ser o de maior resolución do mercado cunha pantalla de 30 polgadas cunha resolución de 4.096 x 2.160 píxeles.
O fabricante surcoreano tamén presentará pantallas para a súa integración en smartphones, tablets e portátiles, como sería unha pantalla Full HD de só 5,5 polgadas, outro cunha resolución de 1.920 x 1.200 de 7 polgadas e outro de 12,9 polgadas cunha resolución de 2.560 x 1.700 píxeles, no que parece unha firme aposta por paneis que estarían na liña das pantallas que Apple dá en chamar Retina, pero que pouco a pouco poderá incorporar calquera compañía, superando incluso a tecnoloxía presente nos dispositivos e equipos da compañía de Cupertino.

PUBLICIDADE