LG convértese no primeiro fabricante en vender televisores OLED 4K

luns, 25 de agosto do 2014 Marcus Fernández

Levamos un tempo vendo como nas feiras de electrónica de consumo varios fabricantes presumen de novas tecnoloxías de pantalla para suceder á tecnoloxía LED actual, prometendo unha maior calidade e un menor consumo, pero esa promesa non chegaba ás rúas por culpa dos elevadísimo prezo destas innovacións que finalmente inician a súa carreira comercial, sendo LG o primeiro fabricante en pór á venda un televisor OLED de 4K (3.840 x 2.160) que chegará en tamaños de 77 e 65 polgadas, que buscan servir de insignia dos televisores do futuro.
Estes televisores OLED de 4K empregan unha tecnoloxía propietaria de LG na que empregan catro cores (WRGB) por cada punto en pantalla, cun total de 33 millóns de subpíxeles cos que prometen unhas cores moi reais e unha relacións de contraste infinita, completando a experiencia audiovisual con altofalantes Harman Kardon. Estes televisores tamén integran o sistema operativo webOS, buscando que o seu uso como SmartTV sexa doado.
Cómpre destacar que, aínda que esteamos finalmente ante un produto comercial, o seu prezo continúa a ser moi elevado, de xeito que o televisor máis cativo, o de 65 polgadas, venderase a un prezo de 12 millóns de wons (8.907 euros) a partires desta mesma semana, o que é un prezo aínda moi superior ao doutros televisores de ultra alta definición (por exemplo, o LG 65LA970V pode mercarse en España por 2.222 euros).

O televisores OLED de LG con resolución de 4K chegan en dous tamaños distintos

PUBLICIDADE