LG estrea a pantalla OLED máis grande do mundo

xoves, 19 de novembro do 2015 Marcus Fernández

En colaboración coa firma de deseño francesa Wilmotte & Associés, LG desenvolveu o que serían as dúas pantallas OLED máis grandes do mundo, que instalou na terminal principal do Aeroporto Internacional Incheon en Seúl, e que están compostas por 140 paneis OLED curvos de 55 polgadas situados a 13 metros de altura ao longo de 8 metros. Estas pantallas xigantes serven así para amosar unha ampla variedade de contidos que demostran as capacidades da tecnoloxía OLED, que ao contar con iluminación en cada píxel (ou sexa, que carece de retroiluminación) consegue uns resultados impresionantes á hora de amosar, por exemplo, imaxes de fogos artificiais de noite.
A tecnoloxía OLED tamén permite que esta estrutura de pantallas sexa o suficientemente lixeira como para que poida pendurarse do teito do aeroporto sen ter que instalar unha grande estrutura que soporte o peso, deixando claras moitas das vantaxes da tecnoloxía OLED, que está chamada a converterse no vindeiro estándar nos televisores domésticos, sucedendo aos actuais televisores con tecnoloxía LED.

PUBLICIDADE