LG estrea uns altofalantes con pantalla que integran ao Asistente de Google

mércores, 21 de novembro do 2018 Marcus Fernández

Nunha semana revolucionada polas ofertas do Black Friday LG decidiu lanzar nos EE.UU. a un prezo promocional de 199 dólares (o prezo de venda recomendado será de 299 dólares) os seus novos altofalantes conectados con pantalla LG XBOOM AI ThingQ modelo WK9, que destacan principalmente por integrar ao Asistente de Google.
Temos así uns altofalantes de calidade (cunha potencial de 20 watts) desenvolvidos en colaboración con Meridian Audio, que integran unha pantalla táctil de 8 polgadas, abrindo así posibilidades como a reprodución de vídeos de YouTube, a consulta de mapas, a visualización de fotografías e, en combinación coa súa cámara frontal de 5 Mpíxeles, a realización de videoconferencias.
Este novo dispositivo conta con conectividade tanto Wi-Fi como Bluetooth, mide 32 x 13,46 x 13,2 centímetros, pesa 1,8 quilos e, como o resto de dispositivos desta gama, non busca só servir para a reprodución musical ou servir de ponte con Google para recibir respostas a preguntas, senón que tamén procuran ser unha porta á electrónica do fogar, de xeito que pode empregarse para controlar a iluminación, para amosar unha cámara que vixíe a un bebé, para acender un electrodoméstico conectado á rede... toda unha serie de posibilidades que cada día teremos máis presentes, e nas que os asistentes de voz xogarán un papel cada vez máis relevante.

O LG WK9 permite realizar videoconferencias a través de Google Duo

PUBLICIDADE