LG presenta 3 novos conceptos de robot

xoves, 4 de xaneiro do 2018 Marcus Fernández

Entre as novidades que LG leva estes días ao CES de Las Vegas están tres novos conceptos de robot que estarían destinados para empregarse comercialmente en hoteis, aeroportos e supermercados e que formarían parte da nova marca de robótica CLOi de LG, que xa conta con outros produtos en probas (como cortadoras de céspede, guías de aeroporto e sistemas de limpeza para aeroportos).
O primeiro dos novos robots sería o Serving Robot, pensado para servir comida e bebida a hóspedes de hoteis e salas de aeroportos dun xeito rápido e eficiente, de xeito que o robot leva os alimentos ou o refrixerio até o cliente nunha bandexa doada de extraer e, unha vez feita a entrega, percorre un camiño de retorno.
O Porter Robot sería unha solución para hoteis que está deseñada para levar a equipaxe ás habitacións dos hóspedes, axilizando o transporte de equipaxe tanto á chegada como á partida dos clientes.
O terceiro dos robots sería o Shopping Cart Robot, que busca mellorar a experiencia de compra en supermercados premium, de xeito que o clientes poden escanear elementos cun lector de códigos de barras do robot para ver os prezos dos produtos e a listaxe completa da compra na pantalla do robot. O robot tamén pode guiar aos compradores aos produtos que seleccionen na súa aplicación móbil.

PUBLICIDADE