LG presenta dous novos equipos da gama XPION

martes, 18 de novembro do 2008 Marcus Fernández

O LG XPION R20 achega un alto rendemento pese a ter un formato delgado

LG presentou en Asia un par de equipos de alto rendemento da gama XPION, o que non lles impide presentar unha coidada aparencia externa. Por unha banda está o XPION R20, que conta cunha torre con formato slim (ou sexa, que ten un tamaño semellante ao dunha consola Xbox 360) cun procesador Intel Core 2 Quad a 2,33 GHz, 3 Gb de RAM, tarxeta de vídeo GeForce 9500GS e un sistema de ventilación que promete ser bastante silencioso (só 20 dB de ruído, mentres que un silencioso portátil de Apple xera un ruído que parte dos 32 dB).
O XPION S20 completa o lanzamento, aínda que neste caso se trata dun equipo máis sobrio, cunha torre estándar, que funciona cun procesador Core 2 Quad Q9400 e cunha tarxeta gráfica GeForce 9600GT, non coñecéndose moito máis sobre este equipo.
Compre destacar que estes equipos teñen unha potencia de calculo moi superior á precisa por un usuario medio, estando dirixidos a un público profesional, polo que os seus prezos tampouco serán reducidos.

PUBLICIDADE