LG presenta interesantes novidades no CES

luns, 11 de xaneiro do 2021 Marcus Fernández

Unha das compañías que máis abertamente apoio a celebración do CES de Las Vegas é LG, e aínda que nesta ocasión o seu expositor teña que ser virtual por mor da situación sanitaria, quixeron chamar atención cunha convocatoria de prensa de preto de media hora na que amosaron as súas novidades en electrónica de consumo, en solucións para loitar contra o coronavirus, en informática e incluso en telefonía móbil, aínda que neste último caso o futuro produto só se deixou insinuar, xa que como peche do vídeo dábase a entender que a presentación estaba a verse nn LG Rollable, a alternativa aos encartables de Samsung, que optaría por smartphones con pantallas que medrarían por un dos seus laterais á hora de consumir contidos nun panel máis grande (tecnoloxía que xa amosaron outros fabricantes no pasado, e na que Samsung tamén recoñeceu estar a traballar dende hai anos).
Un dos detalles máis curiosos da presentación de LG foi a participación dun personaxe virtual, a compositora e DJ Reah Keem; que non deixou de ser unha anécdota, mentres que produtos como os purificadores de aire da liña LG PuriCare (un con forma de máscara e outro cunha aparencia semellante á dun altofalante portátil) ou o robot desinfectante mediante raios ultravioleta (LG CLOi UV-C Robot) poderían ter certo impacto en función do que se alongue a pandemia.
No ámbito dos televisores LG tamén amosou as súas últimas tecnoloxías, das que xa avanzara detalles, gardándose un detalle para hoxe: durante a segunda metade do ano os televisores de LG con webOS recibirán soporte nativo de Stadia, a plataforma de xogo na nube de Google, de xeito que para gozar de xogos como Cyberpunk 2077 ou Assassin’s Creed Valhalla non será preciso contar cunha consola de videoxogos, senón que poderá xogarse directamente dende un televisor cunha boa conexión de banda larga. LG será o primeiro fabricante en recibir Stadia nos seus televisores despois de que estreen versión para Google TV (prevista para a primeira metade do ano).
Coa vista posta nos videoxogos tamén presentaron a posibilidade de gozar de xogos en 8K a 60 imaxes por segundo en televisores OLED tirando proveito da tecnoloxía nVIDIA G-Sync.

Presentación de LG no marco do CES de Las Vegas

PUBLICIDADE