LG presenta novos monitores 3D con lentes pasivas

mércores, 27 de abril do 2011 Marcus Fernández

As 3D resístense a chegar aos fogares, en grande medida polo elevado prezo televisores e monitores que soportan tal tecnoloxía e a necesidade de lentes para gozar das imaxes estereoscópicas, pero dende LG continúan a avanzar neste eido e presentan agora os monitores D41P e D42P con Cinema 3D. Estamos ante pantallas cunha resolución de 1.980 x 1.080 píxeles con resolucións de 21,5 e 25 polgadas respectivamente, que fan uso de tecnoloxía FPR para permitir que funcionen cunhas lixeiras gafas pasivas.
Os monitores teñen unha velocidade de resposta de 5 milisegundos, HDMI 1.4 e a posibilidade de amosar imaxes 2D en 3D, e agárdase a súa chegada ao mercado surcoreano en xuño, para chegar máis adiante a Europa.
A aposta pola tecnoloxía 3D con lentes pasivas busca reducir a fatiga visual (xa que as imaxes non pestanexan) e, ao non precisar de compoñentes electrónicos nos lentes, permiten deseños máis atractivos, un peso menor e sen a incomodidade dunha batería recargable. Dende LG aseguran que un estudo realizado por Research Company TNS sostén que o 77% dos consumidores prefiren a tecnoloxía FPR ás pantallas con lentes activas.

Os novos monitores de LG teñen uns tamaños de 21,5 e 25 polgadas

PUBLICIDADE