LG presenta o seu monitor curvo de 34 polgadas

luns, 18 de agosto do 2014 Marcus Fernández

O 5 de setembro comezará en Berlín a feira IFA, e algúns fabricantes xa están a adiantar os produtos que amosarán no evento, como LG, que non se conforma con achegar ao mercado televisores curvos de grande tamaño, senón que tamén quere trasladar a tendencia aos monitores informáticos, polo que presenta o LG 34UC97, un monitor curvo cunha relación de aspecto 21:9 (ultra-panorámico) cun panel IPS cunha diagonal de 34 polgadas cunha resolución de 3.440 x 1.440 píxeles, que estaría orientado tanto ao lecer doméstico como a profesionais do vídeo e a fotografía.
Este novo monitor será compatible con PC e Mac, e soportará Thunderbolt 2 e permitirá o encadeado de varios dispositivos, contando tamén cun excelente son con MAXX AUDIO e altofalantes estéreo de 7W.

Outros monitores que LG amosará en Berlín

Adicionalmente LG vai presentar tamén o seu monitor 31MU97, que sería considerado como o Digital Cinema 4K Monitor pola súa resolución de 4.096 x 2.160 píxeles (equivalente a 4 monitores Full HD) en 31 polgadas, o que permitiría unha boa reprodución de contidos en ultra alta definición; mentres que para os xogadores terá tamén o LG 24GM77, unha pantalla da que gozarán especialmente os seareiros dos shooters en primeira persoa, xa que conta cunha velocidade de refresco de 144 Hz.

PUBLICIDADE