LG presenta un monitor que se adapta automaticamente á postura do usuario

luns, 29 de agosto do 2022 Marcus Fernández

Os monitores LG UltraFine Ergo levan tempo destacando pola súa flexibilidade de colocación no escritorio, xa que o seu brazo ergonómico permite retracción e extensión, amais de ser regulable en altura e inclinación, sendo pivotable e xiratorio), pero na vindeira edición da feira IFA de Berlín vai poder verse unha nova versión deste monitor, con modelo 32 UQ890, que destaca por integrar a intelixencia artificial para adaptarse ao usuario.
O novo monitor UltraFine Ergo presume de ser o primeiro monitor de LG capaz de axustar automaticamente a súa posición ao usuario mediante tecnoloxía intelixente, garantindo así unha ergonomía e comodidade plena durante o seu uso, aparte de ser o único en incorporar un brazo totalmente ergonómico.
Esta nova función fai uso dunha cámara incorporada na parte superior do panel, que tira proveito da intelixencia artificial de LG para analizar continuamente a postura do usuario, realizando cambios sutís na súa posición, de xeito que a súa altura pode variar entre 0 e 160 milímetros e a súa inclinación entre -20 e 20 graos, co que busca que o usuario poida evitar estar nunha postura fixa durante demasiado tempo.
O LG UltraFine Ergo 32UQ890 ten tres modos intelixentes: AI Motion (que detecta a altura dos ollos do usuarios para axustarse en altura e inclinación), Continiuous Motion e Periodic Motion.
Estamos ante un monitor cun panel IPS de 31,5 polgadas cunha resolución de 3.840 x 2.160 píxeles, HDR10, taxa de refresco de 60 Hz e tempo de resposta de 5 milisegundos, ou sexa, unha pantalla claramente destinada a usos de produtividade.

PUBLICIDADE