LG presenta un novo smartphone de gama media para actividades en exteriores

luns, 22 de maio do 2017 Marcus Fernández

Para os aventureiros que non queren realizar un grande desembolso no seu smartphone LG vén de presentar un novo teléfono móbil moi axeitado, o LG X Venture, centrado nunha grande resistencia e autonomía, e con prestacións orientadas a actividades ao aire libre.
O LG X Venture é un smartphone cunha aparencia bastante discreta, que non por iso carece de protección IP68 contra o po e a auga, para o que pasou 14 probas MIL-STD 810G, así como tamén é capaz de soportar temperaturas extremas, impactos e auga (aguantando até 30 minutos a 1,5 metros de profundidade), sen por iso ter o aspecto exterior dun dispositivo reforzado (ou sexa, sen anti-estéticos elementos de caucho ou goma para conseguir elevados niveis de protección).
O teléfono inclúe aplicacións como barómetro, compás, medidor de actividade (pasos/calorías/distancia), rastrexador de exercicios, lanterna e estado do tempo; e para facilitar o seu control conta con tres botóns físicos frontais e un botón de atalo lateral, facilitando así a interacción cando, por exemplo, o usuario viste luvas ou está en contornos húmidos ou pouco limpos.
O LG X Venture é un teléfono con pantalla Full HD de 5,2 polgadas, procesador Qualcomm Snapdragon 435, 2 GB de RAM, 32 GB de almacenamento interno (ampliable mediante tarxetas microSD de até 2 TB), cámaras de 12 e 5 Mpíxeles, batería de 4.100 mAh con Quick Charge 2.0, Wi-Fi AC, Bluetooth 4.2, NFC, radio FM, lector de pegadas, sistema operativo 7.0, un grosor de 9,29 milímetros e un peso de 166,5 gramos. Ten un marco de metal e venderase cunha parte traseira anti-deslizante en negro ou marrón.

PUBLICIDADE