LG presenta un proxector láser capaz de xerar unha imaxe de 100 polgadas a só 56 centímetros

mércores, 26 de decembro do 2012 Marcus Fernández

A meirande parte dos proxectores de vídeo empregan lámpadas para producir luz, precisando de bastante distancia para poder producir unha imaxe de grande tamaño, pero o LG HECTO Laser TV é unha solución que vai poder verse no CES de Las Vegas a primeiros de xaneiro e que vai sorprender por amosar unha imaxe Full HD de ata 100 polgadas de diagonal a unha distancia de apenas 56 centímetros, conseguindo un elevado nivel de contraste grazas ao emprego de tecnoloxía láser para a súa iluminación.
Temos así unha excelente solución para montar o noso cine en casa, evitando moitos dos problemas de instalación doutros proxectores (que deben colocarse no teito por culpa da grande distancia á pantalla que precisan) e que tampouco integra sintonizador de televisión dixital, 2 altofalantes estéreo de 10 W, 3 entradas HDMI, saída óptica de audio e incluso interface RS-232, polo que pode integrarse con practicamente calquera das solucións de cine en casa actuais.
Este proxector láser tamén conta con prestacións de Smart TV e conectividade Wi-Fi, o que permite acceder a servizos como YouTube e numerosas aplicacións dispoñibles na tenda en liña de LG, compatibilidade co Magic Remote e a posibilidade de acceder a contidos multimedia a través de USB ou de LG Cloud. Tamén permite a achega de contidos dende dispositivos móbiles a través de WiDi ou Wi-Fi Direct (Miracast).

PUBLICIDADE