LG presenta unha cámara que retransmite vídeo en directo por YouTube

xoves, 12 de maio do 2016 Marcus Fernández

O mes que vén vai chegar ao mercado europeo o novo produto da familia Friend de LG, unha cámara de acción que integra conectividade LTE, o que permitiríalle aos seus usuarios retransmitir vídeo en directo a través de servizos como YouTube Live sen a axuda dun smartphone.
A LG Action CAMLTE tamén pode aproveitar a súa conectividade 3G/4G para o seu acceso remoto (funcionalidade que recibirá a través dunha actualización no verán), de xeito que podería aproveitarse como cámara de vixilancia no fogar, podendo o usuario descargar as gravacións de imaxe e vídeo dende un smartphone que se emparelle coa cámara.
Este trebello ten certificación IP67, de xeito que está protexida contra o po e a area, e incluso soportaría até 30 minutos somerxida a un metro de profundidade na auga, aínda que no terceiro trimestre do ano tamén está prevista a comercialización cunha carcasa que permite facer a cámara completamente somerxible (pensando no seu uso en actividades como o surf ou o mergullo. Entre os seus accesorios haberá adaptadores para permitir a súa montaxe en cascos, bicicletas, automóbiles... e como vantaxe adicional temos que a súa batería de 1.400 mAh permítelle gozar dunha autonomía impresionante: até 4 horas de gravación en Full HD.
Das especificacións da LG Action CAMLTE podemos comentar que a súa cámara ten un sensor 12,3 Mpíxeles, grava vídeo a UHD, Full HD e HD a 30, 60 e 120 fotogramas por segundo respectivamente, pode transmitir en directo en HD a 30 imaxes por segundo, ten unha conectividade moi completa (LTE, 3G, Wi-Fi N, USC-C e Bluetooth 4.1), funciona con 2 GB de RAM, 4 GB de ROM e grava en tarxetas microSD de até 2 TB de capacidade, incorpora acelerómetro, xiroscopio e GPS, mide 77,9 x 35 x 35 milímetros e só pesa 95 gramos. Un produto realmente interesante do que queda por saberse o seu prezo de venda.

A cámara de acción de LG é ideal para filmar actividades deportivas

PUBLICIDADE