LG quere sorprender cun móbil con pantalla xiratoria

luns, 14 de setembro do 2020 Marcus Fernández

O rumoreado e filtrado LG Wing por fin é un produto oficial, despois de que o fabricante surcoreano presentase oficialmente o que sen dúbida é o smartphone máis raro de 2020 ao adoptar un factor forma apartado de todo o anterior, como un acercamento totalmente distinto ao da competencia aos conceptos de dobre pantalla.
O LG Wing é un smartphone que pode operar como un dispositivo normal no seu modo básico, contando tamén cun modo xiratorio no que a pantalla de 6,8 polgadas (cunha resolución de 2.460 x 1.080 píxeles) pode rotar 90 graos, deixando ver unha pantalla secundaria sobre a que estaba colocada, conseguindo así deixar á vista unha pantalla de 3,9 polgadas (cunha resolución de 1.240 x 1.080 píxeles), de xeito que as aplicacións poden aproveitar esta segunda pantalla para expandir a súa interface ou aproveitarse a pantalla secundaria para unha segunda aplicación simultánea.
Esta disposición das pantallas en forma de T está pensada principalmente para amosar contidos na pantalla principal mentres se interactúa na secundaria, o que pode resultar especialmente práctico para a gravación ou reprodución de vídeo, conseguindo un mellor control ou facilitando a interacción con espectadores en retransmisións en directo dun xeito bastante curioso, que dependerá en boa medida do apoio que os desenvolvedores de software dean a este tipo de proposta.
A execución de dúas aplicacións en paralelo si é algo que o LG Wing realizará sen problemas, podendo incluso contar con atallos para abrir dúas aplicacións en concreto á vez. Un exemplo de uso sería abrir o navegador GPS na pantalla principal mentres mantemos na secundaria a aplicación de teléfono ou algún reprodutor musical, o que xa permiten facer moitos smartphones actuais con pantallas de grande tamaño (de feito, teléfonos como o Galaxy Z Fold2 permiten até 3 aplicacións simultáneas en pantalla).
Dende LG destacan que a forma de T que adopta o LG Wing cando xiramos a súa pantalla principal fai que a pantalla secundaria operen como unha especie de mango, conseguindo un agarre estable, á vez que tamén pode incorporar controis de gravación, no que describen que sería como integrar no móbil un gimball, ao que tamén contribúe o software do dispositivo.
Pero aínda que o LG Wing busque ser o grande móbil co que LG chame a atención, é difícil consideralo como o seu móbil insignia polo feito de que a nivel de especificacións no é moi rechamante, xa que limítase a integrar un procesador Qualcomm Snapdragon 765G 5G, moi popular en móbiles de entre 300 e 400 euros, o que desmerece en boa medida este sorprendente dispositivo que se obviamos a súa pantalla xiratoria sería moi discreto. O LG Wing conta cunha cámara traseira tripla cun sensor principal de 64 Mpíxeles, un ultra grande angular de 13 Mpíxeles e outro ultra grande angular con píxeles de grande tamaño de 12 Mpíxeels, unha cámara frontal retráctil de 32 Mpíxeles, Wi-Fi AC, Bluetooth 5.1, NFC, lector de impresións dixitais en pantalla, resistencia ao po e á auga IP54, carga sen fíos e batería de 4.000 mAh.
Sairá á venda en Corea do Sur en outubro, para chegar despois a Europa.

A proposta do LG Wing non ten precedentes, aínda que a súa utilidade é algo que terá que demostrar.

Vídeo de presentación do LG Wing

PUBLICIDADE