LIMBO estrea versión para dispositivos móbiles de Apple

mércores, 3 de xullo do 2013 Marcus Fernández

LIMBO, o xogo independente do estudio danes Playdead, que veu a luz en 2010 para Xbox 360 como título descargable para saltar logo a outras plataformas con grande éxito de público e crítica que valeulle máis de 100 premios outorgados por medios especializados. Dende o primeiro momento este xogo bidimensional de desprazamento lateral de quebracabezas-plataformas que emprega o sistema de físicas Box2D destacou pola súa estética en branco e negro e distintos efectos de iluminación e gran na imaxe, que conseguen crear unha ambientación terrorífica que leva a moitos a asegurar que é un dos mellores exemplos de videoxogo como expresión artística.
Aínda que estamos a falar dun xogo que en Xbox 360, PlayStation 3 e PC superou os 3 millóns de unidades vendidas, dá a impresión de que esta cantidade pode verse eclipsada coa nova versión deste título, que hoxe desembarcou na App Store a un prezo de 4,49 euros como aplicación universal que precisa para funcionar como mínimo un iPad 2, un iPhone 4S e un iPod Touch de quinta xeración. ¿Conseguirá LIMBO repetir na App Store o éxito acadado no Bazar de Xbox LIVE, na PlayStation Store ou en Steam?

PUBLICIDADE