Lenovo 500e, novo Chromebook para aulas

martes, 23 de xaneiro do 2018 Marcus Fernández

Aínda que Microsoft Education aposte por equipos de Lenovo como un xeito de frear o avance dos Chromebooks en contornos educativos, resulta que Lenovo non casa con ninguén, e o portátil Lenovo 100e e o convertible Lenovo 300e non se venderán só con Windows 10, senón que en marzo e febreiro estrearán versións con Chrome OS que custarán 219 e 279 dólares respectivamente.
Adicionalmente tamén vén de presentarse un novo convertible Chromebook, o Lenovo 500e, que sae á venda este mesmo mes por a partires de 349 dólares e que é un 2-en-1 moi atractivo, cunha pantalla táctil de 11,6 polgadas cunha resolución de 1.366 x 768 píxeles, procesador Intel Celeron N3450, 4/8 GB de RAM, 32/64 GB de almacenamento interno eMMc, cámara frontal a 720p, cámara traseira de 5 Mpíxeles, 2 portos USB-C, 2 portos USB 3.0, lector e tarxetas microSD, Wi-Fi AC, Bluetooth 4.2, batería cunha autonomía de até 10 horas, un grosor de 20,35 milímetros e un peso de 1,35 quilos que inclúe un lapis dixitalizador para facilitar o seu uso a xeito de caderno.
Cómpre destacar que este equipo con Chrome OS tamén ten acceso a tenda de aplicacións de Google Play, o que pode facer que este tipo de ordenadores gocen de grande popularidade entre os cativos xa familiarizados con numerosas aplicacións móbiles.
Dado que estamos ante un portátil destinado a cativos, Lenovo optou por facerlle superar as probas MIL-STD-810G, ou sexa, que é bastante resistente (soporta caídas a 75 centímetros de altura) e o seu teclado e touchpad están selados para poder soportar derramamentos de líquidos.

O Lenovo 500e pode colocarse de distintos xeitos para unha maior versatilidade

PUBLICIDADE