Lenovo anuncia que está a preparar un ordenador portátil con pantalla encartable

martes, 14 de maio do 2019 Marcus Fernández

O Lenovo Accelerate de Orlando (Florida) está a servir para amosar algunhas novidades tecnolóxicas interesantes, como a presentación do primeiro ordenador con pantalla encartable do mercado, un equipo da familia ThinkPad X1 que promete unha experiencia móbil sen precedentes ao atreverse a incorporar unha pantalla que pode dobrarse, de xeito que a súa parte interior en vez de estar composta por unha pantalla e un teclado, está ocupada por unha pantalla que ocupa ambos espazos, de xeito que cando abrimos o equipo temos unha pantalla de grandes dimensións, o que normalmente rifaríase co concepto de mobilidade.
Dende Lenovo atrévense así a fuxir do formato de pantalla de 13,3 polgadas, e nun equipo portátil coas mesmas dimensións integran unha única pantalla OLED 2K fabricada en colaboración con LG Display. Este equipo preséntase nun momento no que aínda non se coñece a data de lanzamento dos primeiros smartphones con pantallas encartables, polo que son prudentes e datan a posta á venda deste curioso portátil no ano 2020, sen dar moitas máis indicacións.
Este formato de equipo podería estar a medio camiño entre o portátil e a tableta, de xeito que podería empregarse a xeito de libro para consumir contidos na cama, utilizarse como pantalla para ver vídeos, empregalo dobrado sobre as pernas mentres se viaxa en transporte público, facer de caderno nunha xuntanza empregando o seu lapis dixitalizador e moitos outros escenarios que iremos vendo cando se coñezan máis detalles deste sorprendente ordenador portátil.

Vídeo de presentación do portátil con pantalla encartable de Lenovo

PUBLICIDADE