Lenovo comercializará o primeiro smartphone con Tango

venres, 10 de xuño do 2016 Marcus Fernández

Google leva anos traballando no seu proxecto Tango, que busca que móbiles e tabletas poidan interpretar o espazo e o movemento, facilitando o modelado do contorno para permitir o mapeado do interior de edificios e abrirse tamén á interacción dos mesmos; e agora anuncian que esta iniciativa vén de dar un grande paso adiante, xa que estrea smartphone comercial que integra tan tecnoloxía, o PHAB2 Pro de Lenovo, que converterase nunha excelente ferramenta para a realidade aumentada e numerosas utilidades que xurdan ao redor desta tecnoloxía (existindo xa un nutrido catálogo de aplicacións que fan uso de Tango en Google Play).
O Lenovo PHAB2 Pro é un smartphone con pantalla Quad HD de 6,4 polgadas, procesador Qualcomm Snapdragon 652, 4 GB de RAM, 64 GB de almacenamento interno, cámaras de 16 e 8 Mpíxeles (aínda que cómpre detallar que na súa parte traseira conta con tres cámaras para poder capturar a profundidade do contorno), son 5.1, lector de pegadas dixitais, un grosor de 8,9 milímetros e unha batería de 4.050 mAh (con carga rápida). Sairá á venda no verán a un prezo de 499 dólares e será así un interesante xeito de avanzar na realidade aumentada dende o móbil.

Vídeo promocional do proxecto Tango

PUBLICIDADE