Lenovo presenta novos portátiles para gamers

martes, 3 de xaneiro do 2017 Marcus Fernández

Para facer máis accesibles os portátiles para xogadores Lenovo presenta a súa nova gama de equipos Legion, ordenadores de grande potencia que comezan polos modelos Lenovo Legion Y720 e Y520, que grazas ás potentes gráficas de nVIDIA incluso permitirían gozar da realidade virtual, contando tamén con son de calidade (Dolby Atmos) e a potencia dos procesadores Intel Core de última xeración.
O Lenovo Legion Y720 conta con procesador Intel Core i5 ou i7 de sétima xeración, até 16 GB de RAM, 3 portos USB-C (con Thunderbolt 3 para poder conectar un segundo monitor co conector máis rápido dispoñible actualmente), gráfica nVIDIA GeForce GTX 1060 (compatible cos cascos de realidade virtual actuais) con 6 GB de memoria, unha impresionante pantalla anti-reflexos IPS Full HD ou UHD (3.840 x 2.160 píxeles) de 15,6 polgadas, teclado retroiluminado RGB e incluso integra un receptor para o mando sen fíos da Xbox One (que soporta até 4 mandos á vez).
Sairá á venda en abril a un prezo que partirá dos 1.399,99 dólares, aínda que para os usuarios menos esixentes haberá unha versión con menos prestacións (a súa pantalla queda en Full HD e a gráfica queda nunha GTX 1050 Ti), pero moi atractiva igualmente para gamers, especialmente porque chegará xa en febreiro a un prezo que parte de só 899,99 dólares, o que pode considerarse un prezo moi contido para un equipo portátil capaz de correr os últimos videoxogos para PC.

PUBLICIDADE