Lenovo presenta un novo Moto E con pantalla de 5 polgadas

xoves, 14 de xullo do 2016 Marcus Fernández

Cando Lenovo renovou o Moto G, levou a súa pantalla até as 5,5 polgadas cunha resolución Full HD, colocándose así na liña de moitos fabricantes chineses que estaban a arrebatarlle moita cota de mercado, e hoxe, de xeito inesperado, anunciaron a renovación do Moto E, que pasará a responder polo nome de Moto E3, e que en vez dunha pantalla de 4,5 polgadas, lucirá unha pantalla de alta definición de 5 polgadas. Tamén contará cun procesador de catro núcleos, 1 GB de RAM, 8 GB de almacenamento interno (ampliable mediante tarxetas microSD), cámara de 8 Mpíxeles, carcasa resistente a salpicaduras e batería de 2.800 mAh, prestacións máis que aceptables para un terminal que funcionará con Android 6.0.1 e terá un prezo libre de 99 libras esterlinas (118,69 euros) cando chegue ao Reino Unido no mes de setembro.
Polo momento descoñécese cando chegará este terminal a España e o seu prezo oficial, pero parece que Lenovo volveu conseguir configurar un smartphone de entrada que consegue adaptarse bastante ben ás demandas dunha grande masa de consumidores que non precisan dun terminal de gama media e, sen prescindir das posibilidades dun smartphone, queren gozar dun teléfono que non dea problemas e teña un desempeño aceptable, o que a gama Motorola demostrou historicamente conseguir con sobrada solvencia.

PUBLICIDADE