Lenovo presenta un ordenador en formato stick HDMI

martes, 23 de xuño do 2015 Marcus Fernández

Durante o mes de xullo Lenovo vai pór á venda a un prezo de 129 dólares nos EE.UU. o seu novo Ideacentre Stick 300, un pequeno equipo informático pensado nun uso doméstico ou para levar connosco, xa que este ordenador de peto pode resultar de utilidade tanto para converter un televisor ou monitor cunha entrada HDMI nun ordenador completo como para poder levar enriba o noso equipo informático para poder converter contornos alleos no noso espazo de traballo.
Temos así un ordenador básico, que en potencia pode compararse coas moitas tabletas con Windows que están emerxendo, pero estando deseñado para un uso fixo en pantalla grande. O Lenovo Ideacentre Stick 300 mide 100 x 38 x 15 centímetros, espazo moi compacto no que conseguen meter un procesador Intel Atom Z3735F, 2 GB de RAM, 32 GB de almacenamento interno, Wi-Fi N, Bluetooth 4.0, 1 HDMI, 1 micro USB 2.0 e un lector de tarxetas SD, funcionando inicialmente con Windows 8.1 with Bing, actualizable a Windows 100 a partires do 29 de xullo.
Este tipo de solucións informáticas resultan moi axeitadas para montar equipos todo-en-un económicos, para TPV, para dotar de capacidades multimedia avanzadas un televisor no salón ou incluso para levar enriba un ordenador durante as viaxes (pois chega unha pantalla ou televisor, xunto cun teclado e un rato, para poder facer uso deste equipo sen ter que cargar cun voluminoso e pesado ordenador portátil).

PUBLICIDADE