Lithium, unha cámara 3D que tirará proveito do Hydrogen One

venres, 4 de xaneiro do 2019 Marcus Fernández

Non hai moitas dúbidas á hora de considerar que o smartphone Hydrogen One de RED foi unha das grandes decepcións de 2018, por ser un produto moi rechamante e esperanzador, que presumía dunha pantalla holográfica de 5,5 polgadas, e ao que poderían engadírselle obxectivos profesionais, pero finalmente chegou ao mercado por 1.295 dólares como un produto que non está á altura dos móbiles de alta gama de prezos moi inferiores, e cunha flagrante ausencia de accesorios, ou sexa, que non será un produto interesante até ben avanzado 2019.
Precisamente para tranquilizar aos compradores do móbil, e para que o mercado non pense que o Hydrogen One foi unha arroutada, RED deixou ver Lithium, unha cámara 3D que empregará o smartphone de RED a xeito de pantalla externa, de xeito que poderemos ver os contidos con profundidade sen ter que empregar lentes especiais, o que pode resultar moi práctico durante a filmación de contido estereoscópico.
Aínda que non coñecemos polo momento as especificacións da cámara Lithium, sabemos polo momento que conta con 2 sensores de cine dixital e obxectivos con zoom, de xeito que pode ser un dos métodos máis compactos e flexibles para a captura de imaxes estereoscópicas.
Haberá que esperar para ver se os creadores de contidos consideran interesante volver confiar no 3D, formato en horas baixas, pero que podería remontar tras a estrea das secuelas de Avatar.

PUBLICIDADE