Logitech facilitará a integración de teclados físicos na realidade virtual

venres, 3 de novembro do 2017 Marcus Fernández

Existen aplicacións da realidade virtual que van moito máis aló dos xogos, e en certos casos as interfaces para a comunicación e a interacción continúan a ser todo un reto a superar, de aí que Logitech decidise saír ao rescate e unir forzas con HTC para o BRIDGE SDK, un kit de desenvolvemento de software para facilitar a creación de aplicacións de realidade virtual nas que poida integrarse un teclado físico.
A solución está composta por un teclado Logitech G, un accesorio que facilita que o Vive Tracker poida localizar correctamente o teclado e o software que permite que todo isto funcione de xeito conxunto, para que nas aplicacións de realidade virtual sexa posible ver e usar o teclado físico sen ter que quitar o casco.
Polo momento Logitech só está a repartir 50 destes kits entre desenvolvedores seleccionados, para colaborar na creación de experiencias de realidade virtual baseada en teclados, abrindo a solicitude de peticións desta solución o vindeiro día 16. De detectar unha alta demanda, construirán máis unidades para satisfacer aos desenvolvedores.
Este tipo de solucións parecen inevitables, xa que para, por exemplo, acceder a páxina web dende a realidade virtual é preciso empregar interfaces de control que sexan áxiles, e dado que o teclado físico aínda é a interface de introdución de texto máis empregada en moitas situacións, trasladalo a escenarios virtuais parece unha boa idea que merece ser explotada.

Vídeo promocional do Logitech BRIDGE SDK

PUBLICIDADE