Logitech lanza un dos ratos máis ergonómicos do mercado

luns, 20 de agosto do 2018 Marcus Fernández

A ergonomía dos dispositivos de entrada para os sistemas informáticos é unha preocupación histórica á que os fabricantes responden dos xeitos máis diversos, con distintos accesorios adoptando formas realmente curiosas para minimizar o esforzo físico que hai que realizar no seu manexo intensivo, e aínda que os teclados ergonómicos gocen de grande riqueza, no caso dos ratos son poucos os trebellos que vaian máis aló de ter unha altura pronunciada para que a man poida repousar comodamente sobre el.
Pero Logitech soubo innovar mesturando un rato cun forma máis propia dun trackball de escritorio co novo Logitech MX Vertical, un rato que busca conseguir un agarre natural ao inclinarse verticalmente 57 graos, o que aseguran que reduce o esforzo do antebrazo, a presión no pulso e a actividade muscular até un 10% comparado dun rato estándar. Aparte da súa orixinal forma, este rato tamén ten unha textura que facilita o seu agarre.
Para contribuír á reducir a fatiga, este rato ten un sensor de alta precisión cunha resolución de 4.000 puntos por polgada, o que permitiría reducir até catro veces os movementos da man. O Logitech MX Vertical tamén conta cun conmutador para poder axustar a precisión e velocidade do cursor.
No que a autonomía se refire, non semella que vaia ter problemas, xa que pode operar até 4 meses cunha carga completa, ou até 3 horas con só 1 minuto de carga. A súa conexión ao equipo informático pode realizarse po USB-C, por Bluetooth ou tamén cun receptor Logitech Unifying.
Este novo rato está xa á venda por 109 euros.

Vídeo promocional do Logitech MX Vertical

PUBLICIDADE