Logitech presenta novos accesorios para o iPad

mércores, 24 de agosto do 2011 Marcus Fernández

O Logitech Fold-Up Keyboard é un teclado Bluetooth pensado para o iPad 2

Conscientes de que os tablets están a gañar cada vez máis forza pola súa versatilidade, Logitech presentou hoxe un par de accesorios para o iPad que xa están dispoñibles para a súa reserva. O de máis substancia sería o Logitech Fold-Up Keyboard for iPad, un amplo teclado Bluetooth que pode facer de base para o iPad 2 e que pode encartarse de xeito que ocupa o mesmo ancho que o tablet de Apple cando non está a usarse, facilitando o seu transporte e permitindo tamén o uso da Smart Cover (opción da que prescinden outros teclados semellantes, que tenden a ancorarse na parte frontal do tablet, mentres que este accesorio opta por colocarse por detrás do iPad 2). Iso si, esta elegancia e versatilidade ten un prezo considerable (99,99 euros).

O Logitech Joystick facilita o xogo no iPad

Máis económico (14,99 euros) e a outra novidade para o iPad, o Logitech Joystick for iPad, un stick semellante ao que teñen consolas de videoxogos como a Xbox 360 no seu mando, que pode adherirse nunha esquina da pantalla do iPad, para facilitar o uso de multitude de xogos que se manexan mediante controis virtuais, grazas principalmente a que así o polgar do xogador ten sempre unha referencia física para os seus movementos, evitando a molestia de sacar accidentalmente o dedo da zona de control. Desta volta o curioso accesorio é compatible tanto co iPad como co iPad 2.

O Logitech Joystick for iPad fai doado xogar no tablet de Apple sen escorregar o polgar esquerdo
O Logitech Fold-Up for iPad pode encartarse para adaptar o espacio ocupado ás dimensións do iPad 2

PUBLICIDADE