Logitech presenta un novo rato sen fíos para gamers

martes, 21 de agosto do 2018 Marcus Fernández

Aínda que normalmente os gamers optan por ratos con cable, para evitar retardos, hai solucións sen fíos, moito máis cómodas, que poden resultarlles atractivas, como o novo rato Logitech G Pro Wireless, que grazas á tecnoloxía Lightspeed consegue un rendemento semellante ao dos ratos tradicionais, cunha velocidade de resposta de 1 milisegundo, que xunto ao feito de evitar a fricción e a distracción que poden ocasionar os cables, convértese nunha opción moi atractiva.
Este novo rato informático conta cun sensor HERO 16K, cunha precisión de até 16.000 puntos por polgada e un consumo até 10 veces inferior ao dos seus predecesores (o que permite empregar unha batería máis lixeira e de maior autonomía). Este rato de só 80 gramos de peso tamén conta con 6 botóns programables (que podemos asociar a comandos de xogo), os seus botóns teñen un sistema mecánico de tensión que transmite unha sensación de precisión en cada clic, integra memoria para gardar as preferencias no propio rato (permitindo así que a configuración empregada na casa poida conservarse nun torneo fóra) e incluso o seu logotipo iluminado pode personalizarse en cor.
Este magnífico accesorio, que ten unha batería recargable con autonomía de até 48 horas con iluminación e até 60 horas sen iluminación, pode mercarse xa por 155 euros, co que deixan claro que é un produto deseñado para usuarios moi esixentes.

PUBLICIDADE