Logitech presenta un teclado para gamers con iluminación RGB

martes, 29 de setembro do 2015 Marcus Fernández

Logitech anunciou hoxe o Logitech G410 Atlas Spectrum TKL Mechanical Gaming Keyboard, un teclado mecánico ultra-lixeiro con interruptores Romer-G exclusivos que promete unha velocidade un 25% máis rápida que outros teclados mecánicos, goza de grande resistencia (soportaría até 70 millóns de pulsacións, o que sería un 40% máis que outros teclados) e incluso conta con iluminación intelixente RGB. Tamén inclúe integración con Arx Control, unha aplicación móbil que permite amosar unha chea de información de xogos en smartphones iOS e Android.
Este teclado pensado para os xogadores máis esixentes coidou o seu deseño para facelo o suficientemente compacto para deixar espazo para poder mover comodamente o rato ao seu carón (de aí que careza de teclado númerico). A súa iluminación permite personalizar cada tecla, podendo sincronizarse tal configuración para distintos xogos, de xeito que amosaría distintas cores en función da configuración, facilitando así a localización das teclas durante as nosas partidas.
O teclado tamén incorpora funcións multimedia, control de volume e a posibilidade de desactivar teclas non desexadas para, por exemplo, evitar saír involuntariamente dun xogo premendo a tecla de Windows. Unha impresionante creación de Logitech que pode xa mercarse na propia web do fabricante por 155 euros (aínda que o prezo de venda recomendado é de 149 euros).

Vídeo promocional do novo teclado de Logitech

PUBLICIDADE