Logitech presenta unha webcam para o Pro Display XDR

mércores, 11 de decembro do 2019 Marcus Fernández

Logitech aproveitou o lanzamento do novo monitor Pro Display XDR de Apple para presentar unha webcam deseñada especificamente para complementalo, a 4K Pro Magnetic Webcam, que pode mercarse por 199,95 euros.
Temos así unha webcam ideal para usuarios de Mac que empreguen un dos seus novos monitores profesionais (que non integran cámara), facilitando a captación de vídeo el ultra alta definición para aplicacións como FaceTime, Zoom ou Skype, prometendo unhas videoconferencias de calidade, grazas ao uso de tecnoloxías como RightLight 3 con HDR, que realiza axustes para que a pouca luz ou as situacións de luz solar directa non estraguen unha comunicación en vídeo.
Esta cámara pode captar vídeo 4K a 30 imaxes por segundo, vídeo Full HD a 60 imaxes por segundo ou vídeo 720p a 90 imaxes por segundo. A súa elevada resolución permite a realización de zoom con bastante calidade en comunicacións en Full HD, e tamén integra un par de micrófonos omnidireccionais con cancelación de ruído. Un produto realmente interesante que incluso distribúe Apple, de xeito que pode ter unha boa recepción comercial pese a que o seu uso estea ligado a un monitor profesional (ou sexa, que a demanda estará moi limitada). Pode sorprender o feito de que, a cámara equivalente de propósito xeral, a Brio Stream, teña un prezo oficial de 259 euros (aínda que na práctica é posible atopala a prezos de entre 129,99 e 199 euros).

PUBLICIDADE