Logitech renova a súa webcam de referencia para atraer aos gamers

luns, 3 de outubro do 2016 Marcus Fernández

Durante os últimos anos a webcam Logitech C920 converteuse en todo un referente pola súa versatilidade e relación calidade-prezo, de aí que o seu fabricante á hora de lanzar un novo modelo optase por unha solución conservadora e, practicamente, se limitase a actualizar as súas especificacións lixeiramente coa nova Logitech C922 Pro Stream, que presume de gravar vídeo Full HD a 30 imaxes por segundo e a 720p a 60 cadros por segundo, e nesta ocasión busca chegar a un público moi concreto: os gamers de PC que retransmiten as súas partidas a través de Twitch ou YouTube, para os que resulta moi práctico contar cunha webcam que pode ancorarse no monitor e incluso colocarse sobre o escritorio nun mini-trípode incluído.

A nova webcam de Logitech inclúe un trípode de 18,5 centímetros para facilitar a súa colocación no escritorio

A cámara de Logitech pode empregarse coa tecnoloxía Personify, para integrar imaxes en directo de xeito que pode mudarse a imaxe de fondo do usuario sen precisar da instalación dun panel de croma detrás do usuario. Tamén se axusta ás condicións de iluminación de xeito automático, captura son estéreo en calquera ángulo e inclúe unha licenza premium de XSplit por 3 meses que dá acceso completo ás funcións melloradas de XSplit Broadcaster e XSPlit Gamecaster.
A webcam Logitech C922 Pro Stream ten un prezo oficial de 105 euros, pero xa é posible atopala á venda por 82,22 euros, de aí que teña moitas bazas para converterse na nova webcam de referencia no mercado.

PUBLICIDADE