Lorena Otero convida ás mozas a apostar polas TIC e polo seu amplo abano de opcións laborais

venres, 29 de abril do 2016 Redacción

Onte celebrouse na sede do CESGA (da man do CESGA e do CPEIG) o Día das Rapazas nas TIC, unha actividade destinada a fomentar as vocacións TIC entre as nosas estudantes na que participaron varias representantes do panorama profesional galego das novas tecnoloxías, amosando as súas experiencias e visualizando as moitas e variadas vantaxes que atoparán as mozas pre-universitarias de elixiren unha carreira ligada ao dixital. Entre estas representantes do tecido TIC galego figurou Lorena Otero, docente da Universidade de Vigo (Escola Superior da Enxeñaría Informática do Campus de Ourense). Otero Cerdeira foi convidada a falar da súa traxectoria como profesora e investigadora no eido TIC, concretamente no LIA2, Laboratorio de Informática Aplicada da Universidade de Vigo, e tamén en calidade de membro da Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia, entidade na que preside a Comisión de Igualdade. Segundo fixo saber, “é importante que as rapazas coñezan dun xeito próximo e axustado á realidade as oportunidades que teñen no sector TIC”.
A docente tamén salientou que no eido TIC pódese atopar “un oco no que desenvolver a creatividade e facelo con boas perspectivas laborais”. Sobre a suposta dificultade das titulacións tecnolóxicas, “a clave”, apuntou, “é estar facendo o que che gusta porque se algo che gusta non che vai resultar duro, aínda que teñas que esforzarte”, sinalou, engadindo que “este tipo de carreiras” abren “un amplo abano de posibilidades profesionais”. Na súa opinión, “o software está en todo” e polo tanto os eidos de traballo son innumerábeis, e “cada día chegan novos ámbitos profesionais”. No seu caso, por exemplo, entre as cousas que máis valora do seu traballo figura o labor de impartir contidos no Programa Universitario de Maiores do Campus de Ourense, “algo que nunca pensei que faría cando comezou a estudar a carreira”.
A todos os rapaces e rapazas que estean interesados no sector TIC, Lorena Otero anímaos a continuar “profundando nel a través da formación”. E engadiu: “Se é o que lles gusta, adiante, sen medo”. Ante o descenso de alumnas que se está dando neste eido a pesar do traballo a prol do fomento da igualdade, a docente anima “especialmente ás rapazas” a coñecer as xanelas que lles abren estes estudos e a decidir o seu futuro profesional “sen atender a tópicos ou desinformación”.

PUBLICIDADE