Los Sims 3 lidera as vendas de videoxogos en España

xoves, 16 de xullo do 2009 Marcus Fernández

Natalia Verbeke foi a madriña de Los Sims 3 durante o seu lanzamento en España

As vendas de videoxogos en España no mes de xuño publicadas por aDeSe poderían ser unha impresionante sorpresa por abandonar Nintendo a primeira posición, en vista do título para PC que logrou colarse no primeiro e no 6º posto a sorpresa desaparece, pois falamos das edicións normal e de coleccionista de Los Sims 3, que será un éxito rotundo durante meses, tanto no xogo en si como nas súas futuras expansións.
Despois deste éxito de Electronic Arts, Nintendo segue a dominar co seu Pokémon Platino(Nintendo DS) no segundo posto, seguido de Wii Fit, Wii Play e Active Personal Trainer (todos xogos para Wii que inclúen algún tipo de accesorio coma o Mario Kart que ocupa a 8ª posición). Tamén a consola de alta definición de Sony logra facerse un espazo nas posicións 7º e 10º con Virtua Tennis 2009 e Prototype, mentres que a 9ª posición está dominada polo xa clásico El Profesor Layton y la Villa Misteriosa (Nintendo DS).
Xuño non parece ser así un grande mes para a PlayStation 2, a PSP e a Xbox 360 á hora de introducir superventas no mercado, o que non indica que movan un volume reducido de títulos nas vendas, resultando curioso que o xogo máis vendido para a consola de Microsoft (Prototype) só chegue ao 2º posto na PS3 e aínda así non entre nos 10 máis vendidos. Curiosamente as vendas tamén constatarían que as boas críticas da prensa especializada non se reflicten directamente nas vendas, e aínda que na guerra entre Prototype e Infamous (xogos de semellante temática, pero sendo o último exclusivo de PS3) a crítica consideraba superior a Infamous, nas vendas para PS3 tivo que conformarse cun 7º posto, polo que o xogo protagonizado por Alex Mercer está a darlle unha auténtica malleira nas tendas, posiblemente polo ruxerruxe, xa que os comentarios dos usuarios coinciden en que aínda que Prototype non é o mellor xogo do mundo tecnicamente falando, resulta sumamente espectacular e divertido.

PUBLICIDADE