MAME-CAM, a mini-cámara con forma de cámara

venres, 18 de febreiro do 2011 Marcus Fernández

Os xaponeses son considerados popularmente coma os mestres da miniaturización, e aínda que pareza un tópico, Thanko quere demostrar que é unha sona merecida coa súa MAME-CAM, o que parece ser unha cámara réflex de xoguete, cun tamaño de 3 x 2,7 x 2,7 centímetros e un peso de 11 gramos, que pode acoller no seu interior unha tarxeta microSD de ata 32 Gb, na que almacenar imaxes JPEG de 1.600 x 1.200 píxeles e vídeos en AVI a 640 x 480 píxeles a 30 cadros por segundo que toma esta cámara en miniatura.
Este curioso dispositivo sorprende por ser funcional, e incluso pode conectarse ao PC a través de USB tanto para acceder aos seus contidos como para cargar a súa batería interna (que achégalle enerxía para poder gravar ata 36 minutos de vídeo). A MAME-CAM está á venda por 7.980 iens (70,06 euros) e aínda que resulte discutible a súa compra coma cámara dixital ordinaria, o feito de poder empregala a xeito de chaveiro ou colgante mellora o seu atractivo coma produto curioso ou agasallo.

A MAME-CAM pode levarse coma un colgante bastante orixinal
Esta cámara en miniatura almacena os contidos en tarxetas microSD de ata 32 Gb

PUBLICIDADE