MSI anuncia un todo-en-un con pantalla multi-táctil de 21,6 polgadas

mércores, 28 de outubro do 2009 Marcus Fernández

Durante o lanzamento de Windows 7 destacábase como importante innovación a súa adaptación ás pantallas multi-táctiles, pese a que apenas hai equipos que as inclúan, pero a cousa parece que vai cambiar nos vindeiros meses, e dende MSI reaccionan co seu novo ordenador todo-en-un Wind Top AE2220, que conta cunha pantalla multi-táctil de 21,6 polgadas cunha resolución de 1.920 x 1.080 píxeles, procesador Core 2 Duo T6600 a 2,2 GHz ou Pentium T4300 a 2,1 GHz, ata 4 Gb de RAM, ata 640 Gb de disco duro, tarxeta gráfica nVIDIA GeForce 9300 con 256 Mb de VRAM, gravadora de DVD ou lector de Blu-ray, 6 portos USB 2.0, soporte de eSATA, entrada HDMI (para utilizar o equipo coma se fose un monitor externo, de xeito que tamén serviría para o seu uso cunha consola de videoxogos de alta definición), Wi-Fi N, cámara web de 1,3 Mpíxeles, lector de tarxeta de memoria 6-en-1 e teclado e rato sen fíos. Inclúe o Windows 7 Home Premium preinstalado.
Este interesante equipo xa pode encargarse en tendas en liña coma Amazon a prezos que van dende os 659,99 e os 899,99 dólares (447,76 e 610,83 euros respectivamente) segundo a súa configuración, o que resulta bastante axustado para un ordenador que pode competir en atractivo cun iMac á vez que ofrece a espectacularidade dunha pantalla multi-táctil.

PUBLICIDADE