MSI presenta os seus ordenadores todo-en-un para 2009

xoves, 20 de novembro do 2008 Marcus Fernández

Cando Asustek introduciu no mercado os seus populares ultraportátiles Eee PC emerxeu o MSI Wind para facerlle a competencia (e parece que no mercado español está a imporse este tipo de equipos nas súas versións clónicas de Medion, Advent e Ahtec), e agora que lanzan o equipo de sobremesa Eee Top dende MSI responden co Neton, que é un equipo todo-en-un que se venderá en 3 tamaños distintos que van dende as 15,6 ata ás 22 polgadas. Están baseados en procesadores Intel Atom, podéndose elixir entre 1 ou 2 núcleos na súa configuración (segundo se configure con Windows XP ou Vista). Tamén contará coa opción de pantalla táctil.

O MSI Wind Neton M16 ten unha pantalla de 15,6 polgadas cunha resolución de 1.366 x 768 píxeles, que non sería realmente un equipo integrado (xa que inclúe unha caixa que se coloca baixo o monitor e na que se inclúen os distintos portos e a gravadora de DVD) e se venderá a partir de febreiro por uns 400 dólares.
Un mes antes chegará ao mercado o MSI Wind Neton M19, que se venderá a uns 500 dólares e contará cunha pantalla de 18,5 polgadas tamén cunha resolución de 1.366 x 768 dólares, gozando xa da integración na propia pantalla de portos de expansión e gravadora de DVD, no que sería un interesante equipo completo para o usuario medio, polo seu prezo competitivo e atractivo deseño.
Pero o máis rechamante desta nova gama de produtos sería o MSI Wind Neton M22, que inclúe unha pantalla de 22 polgadas cunha resolución de 1.920 x 1.080 píxeles (FullHD) que mesmo conta coa opción de incorporar un lector de discos Blu-ray, sintonizadora de televisión ou mando a distancia e que terá un prezo base de 800 dólares a partir do mes de marzo. Estariamos claramente ante un equipo pensado para a reprodutor multimedia que podería unha interesante porta de entrada no vídeo de alta definición.

O MSI Wind Neton M16 non está totalmente integrado na súa pantalla

PUBLICIDADE