Mafia II estrea demo para PC, Xbox 360 e PS3

martes, 10 de agosto do 2010 Marcus Fernández

O vindeiro día 27 chegará ás tendas españolas o agardado xogo Mafia II, título de grande factura que permite aos xogadores introducirse no implacable mundo da Mafia e que inclúe tiroteos espectaculares, pelexas brutais e vertixinosas persecucións nunha experiencia moi cinematográfica na que Vito Scaletta introdúcese no mundo do crime organizado co seu amigo da infancia Joe.
Para ir abrindo boca, dende hoxe está dispoñible unha versión de demostración do xogo para Xbox 360, PlayStation 3 e PC, na que podemos tomar o papel de Vito para, coa axuda de Joe, cumprir cun dos primeiros traballos: encargarse dunha persoa que «non baila ao son da Mafia».
Este xogo repleto de acción está ambientado na idade dourada dos gangsters americanos (anos 40-50), e Empire City é o marco elixido para o desenvolvemento dunha historia épica que conta cun excelente acompañamento musical que axuda a somerxerse no xogo.
Os usuarios de PC poden descargar a demo a través de Steam, os de Xbox 360 téñena dispoñible a través do Bazar de Xbox LIVE sempre que sexan usuarios Gold, mentres que para a PlayStation 3 temos que xa está accesible para os usuarios de PlayStation Plus, tendo que agardar o resto de usuarios a mañá para acceder a esta descarga (o que non deixa de ser un incentivo un tanto absurdo para contratar o servizo de pagamento para PS3).

A acción trepidante non falta en Mafia II
Vito contará coa axuda de Joe nas súas misións

PUBLICIDADE