Magic Leap prepara un novo casco de realidade aumentada

luns, 11 de outubro do 2021 Marcus Fernández

Na carreira por facerse co mercado da realidade aumentada destacou hai uns anos Magic Leap, unha iniciativa empresarial da que comentábase que contaba con 4.500 millóns de dólares para facer realidade o seu soño, decepcionando enormemente ao presentar as Magic Leap One, casco de realidade aumentada moi avanzado e de grande calidade, pero que só ofrecía un campo de visión de 50 graos, polo que estaba moi lonxe da promesa realizada pola compañía.
As Magic Leap One tiñan un prezo elevado e unha distribución moi limitada, aínda que podemos lembrar que hai un par de anos puideron verse en Galicia dentro do encontro Mundos Digitales, e agora prometen un novo asalto dentro deste arriscado negocio do que aínda non se sabe moi ben cando cruzarán a barreira que farán que esteamos ante un produto de consumo que poida ter unha comercialización masiva.
Aseguran que ao longo de 2022 verán a luz as Magic Leap 2, unha nova xeración de produto que será un casco máis lixeiro e compacto, enfocado para un uso empresarial, que tamén ofrecería o campo de visión máis amplo da industria, e para facer realidade esta nova xeración de casco de realidade aumentada terían recibido 500 millóns de dólares de financiamento, dando a entender que aínda hai quen confía en que este proxecto poida chegar a bo porto.
Magic Leap tamén pechou acordos de colaboración con Google Cloud, PTC, nVIDIA e VMWare, que achegarán as súas aplicacións e tecnoloxías á plataforma de Magic Leap, axudando así ao desenvolvemento de ferramentas que resulten prácticas para o mundo da empresa, enfocándose especialmente a sectores como o sanitario, a fabricación e o sector público.

PUBLICIDADE