Makers grandes e pequenos participaron nunha nova quedada argalleira nas Pontes
luns, 16 de outubro do 2017
O
Lar de Endesa das Pontes acolleu este sábado 14 unha nova xornada de
traballo de Amigus Labs, o
proxecto argalleiro e Maker da Asociación
Informática Amigus. A cita desta finde centrouse en dar
forma a unha das máquinas que
integrará o Fab Lab da
dita entidade, o pantógrafo
CNC. No encontro, ao
que asistiron un bo número familias, tratáronse temas coma a Industria
4.0, a democratización da fabricación, ou o movemento Maker
e as súas vantaxes (economía
humanizada e cooperativa). Na zona de impresión 3D do
obradoiro os participantes aprenderon a deseñar e producir unha
manchea de pezas, amais de afondar en distintas aplicacións de
materiais e en como usalos en todo tipo de sectores. A actividade
abrangueu toda a cadea de actividade: dende a montaxe de impresoras
até a impresión en si mesma, onde houbo marxe para acadar as
mellores calidades posíbeis.
Segundo
a organización, a zona que xerou máis interese para os argalleiros
foi a de montaxe do pantógrafo CNC, onde todos os participantes
puideron botar unha man á hora de darlle forma e descubrir os
compoñentes e materiais para fabricar un pantógrafo e ver como
funciona. Houbo tempo para rematar o desenvolvemento dun aparello
destas características? Segundo a organización, os asistentes
estiveron a piques de conseguilo ao longo das oito horas que durou o
obradoiro, cubrindo boa parte do traballo previsto e deixando para o
seguinte sábado “a parte da electrónica”.
Os
máis pequenos tamén tiveron o seu espazo, na zona Amigus Labs Kids,
onde mediante Raspberry PIs con OS Kano puideron aprender a debuxar
mediante programación, traballaron en desenvolvemento de ferramentas
con Scratch ou manipularon imaxes co GIMP, ademais de usar o
Minecraft e a zona retro.
Amigus
agradeceu por unha banda a participación activa dos asistentes ao
obradoiro, en especial a Alvaro Rey, de MakerGal, “por compartir de
maneira altruísta os seus coñecementos”; e, pola outra, o apoio
das seguintes entidades colaboradoras no evento: Concello das Pontes,
COHEMPO, ENDESA, EuroEume, Nauta, No Ping, Nodo Dixital, Triade,
Severiano Agrocomercial, Escourido Asociados, Clip Carbono,
Ferretería Marcos, Lujo, Matojoma, You can school of English,
Fitter, Pontesa Marmoles y granitos, Desguaces Vilabella, Óptica
Carmela, Galiorient, Servicio Móvil, Areco, Panadería San José,
Fotografía Fabian, Don Dino, CONPLC, IcoEume, Preludio Musical,
Arprosa, Radio Eter.