Mando universal de Philips que combina pantalla táctil con teclas

mércores, 17 de decembro do 2008 Marcus Fernández

Os mandos a distancia universais están a mellorar as súas prestacións á vez que os nosos fogares contan cada vez con máis trebellos tecnolóxicos que controlar, e o último produto que Philips presenta para atender esta demanda é o mando Prestigo SRT9320, que combina unha pantalla táctil de 2,8 polgadas na metade superior, con botóns na parte inferior.
O SRT9320 é capaz de controlar ata 20 dispositivos, é completamente programable (inclúe métodos de aprendizaxe e permite macros multidispositivo sen ter que conectalo ao PC) e sería o mando de alta gama da familia Prestigo, pois este modelo custaría uns 249 dólares, cando nesta familia se poden atopar mandos por menos de 100 dólares, aínda que cunha interface de uso menos revolucionaria.
A combinación de fortes teclas de grande tamaño no mando para funcións básicas coma modificar o volume ou cambiar de canle é un dos atractivos deste mando que conta con moitas outras funcións avanzadas na súa pantalla táctil, de xeito que podemos optar por un modo de uso ou outro segundo as tarefas que desexemos realizar co mesmo. Resulta especialmente atractivo que conte cun sistema de xestión das canles televisivas nas que figuran os logotipos das mesmas en pantallas e mesmo se poden agrupar segundo as nosas preferencias, o que facilita enormemente o zapping co incremento da oferta de canles actual, aínda que hai que ser un tanto habilidoso para tirar proveito de todas as posibilidades deste avanzado mando a distancia.
O Philips Pretigo SRT9320 sairá á venda no primeiro trimestre de 2009.

PUBLICIDADE