Mar e AMTEGA investiron 6 millóns de euros no proceso de dixitalización das lonxas

mércores, 19 de xaneiro do 2022 S. P.

A Consellería do Mar e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) fixeron balance do proceso de dixitalización no que están mergulladas as lonxas galegas. Os detalles foron achegados pola conselleira do Mar, Rosa Quintana, nunha visita aos puntos de control do marisqueo de Lourizán e de Lourido, na ría de Pontevedra, así como a Lonxa de Campelo, en Poio, para comprobar o funcionamento do Programa Primare, a plataforma tecnolóxica única que integra os sistemas de xestión, comercialización e emisión de notas de venda dos produtos do mar. Esta ferramenta, impulsada polos dous devanditos departamentos, está xa implantada en 35 lonxas galegas cun investimento desde 2018 de arredor de seis millóns de euros.
Na súa visita Quintana engadiu que o Programa Primare Lonxas 4.0 “promove o desenvolvemento do medio mariño a través de solucións tecnolóxicas innovadoras para conseguir unha actividade do sector primario galego máis sustentábel e contribuír a aumentar a súa competitividade”. A conselleira do Mar lembrou que este programa inclúe tamén un novo sistema de xestión da actividade das lonxas que lles facilita os trámites en eidos como a contabilidade, a facturación, os pagos de impostos ás distintas administracións ou as xestións sociais, entre outras. “Trátase de algo fundamental para centros de primeira venda con importantes volumes de produto comercializado como pode ser o caso de Campelo, que o ano pasado poxou máis de 520 toneladas de produtos do mar e superou os sete millóns de euros de facturación, a súa segunda maior cifra de ingresos desde 2009”, engadiu.
Quintana explicou a maiores que durante 2022 está previsto potenciar este programa con novas facilidades e posibilidades, como a imaxe nas poxas, así como analizar a súa extensión a novas lonxas e confrarías; “todo isto no marco da nova Estratexia Dixital de Galicia 2030 que recolle un programa específico de innovación dixital para a potenciación do medio rural, desenvolvendo unha actividade agropecuaria e pesqueira máis sustentábel”.

PUBLICIDADE