Marvel: Ultimate Alliance xunta 140 personaxes de cómic nun videoxogo

martes, 31 de outubro do 2006 Marcus Fernández

Os personaxes de comics de Marvel parecen estarse a afacer a saír fóra do papel, de xeito que están reforzando a súa presenza no cine (por exemplo, coas películas de Spider-Man) e na televisión (en series como a de Blade), e nos vindeiros anos atenderá tamén a demanda dos afeccionados ós videoxogos, posto que lanzarán distintos xogos protagonizados polos populares personaxes da novena arte.
Para comezar, estes días chega a España a versión de PC do Marvel: Ultimate Alliance, que é un xogo na modalidade RPG na que o xogador pode elixir entre 20 superheroes (Spider-Man, Lobezo, o Capitán América, Elektra, Thor ou os membros dos 4 Fantásticos) que tamén se enfrontarán con inimigos coma o Dr. Doom, Ultrón ou Galactus. O xogo supera os 140 personaxes de cómic, no que é todo un reto para levar á pantalla do ordenador a auténticas iconas culturais que nunca coincidiran nun mesmo produto deste tipo.
As aventuras e loitas que se poden vivir no xogo repártense en 17 localización (que van dende Asgard ata o propio Inferno de Mephisto, pasando por unha nave do Imperio Shi’ar) e incluso replican algúns momentos históricos do mundo do cómic, o que agradecerán os fieis seguidores de Marvel (tamén coñecidos coma Marvel zombies) e os que non estean tan familiarizados con este universo de personaxes fantásticos poderán sacar igual partido á enorme cantidade de ataques, combos, armas e tácticas que completan un xogo que promete ser un éxito rotundo, que agradecerán os que queren algo máis que xogos de estratexia para o seu PC.
O xogo tamén comezará con moitas características limitadas, de xeito que haberá que avanzar no mesmo para poder ir descubrindo elementos ocultos, o que mellora a experiencia de xogo e anima a continuar progresando no mesmo.
Marvel: Ultimate Alliance acada un certo equilibro entre a acción e os elementos de RPG de xeito que resulta moi atractivo tanto para os seguidores destes últimos xogos como para os simples seguidores dos personaxes do cómic. Así, pois, o seu público potencial é elevadísimo, aínda que podemos apostar a que colleitará máis seguidores nas súas versións para PS2 e Xbox que para PC.

PUBLICIDADE