Marvel’s Spider-Man: Miles Morales chegará en breve a PC

luns, 26 de setembro do 2022 Marcus Fernández

En agosto o aclamado Marvel’s Spider-Man de Insomiac Games deu o salto de consolas PlayStation a PC, nunha versión remasterizada que tira proveito da potencia gráfica dos ordenadores persoais e de configuracións de monitor que van máis aló da proporción 16:9. Este lanzamento foi moi ben acollido, converténdose na que podemos considerar a versión definitiva do xogo, de aí que haxa bastante expectación polo seu spin-off, que como principal cambio tiña un cambio de protagonista (de Peter Parker a Miles Morales).
Aínda que a data de lanzamento de Marvel’s Spider-Man: Miles Morales para PC non se concretou totalmente, veñen de estrear un vídeo de adianto dando conta de que o xogo chegará este mesmo outono, e incorporando a súa ficha en Steam e na tenda de Epic Games para que os interesados poidan engadilos ás súas listaxes de desexos.
O xogo, que foi un dos grandes reclamos no lanzamento da PlayStation 5, preséntanos a Miles Morales, un novo Spider-Man con poderes lixeiramente diferentes dos de Peter Parker (como poder lanzar ataques bioeléctricos e poder camuflarse). Temos unha nova oportunidade para explorar a cidade de New York mentres Morales evoluciona como heroe, tendo que equilibrar a súa vida persoal coa loita contra o crime, conflito que en poucas semanas poderemos ver na pantalla dos nosos ordenadores persoais.

Vídeo de adianto da versión para PC de Marvel’s Spider-Man: Miles Morales

PUBLICIDADE