Medieval Moves permitiranos defender un castelo a espadazos virtuais

xoves, 10 de novembro do 2011 Marcus Fernández

A PlayStation 3 vai recibir o vindeiro 17 de novembro o xogo de Zindagi Games Medieval Moves, deseñado para xogarse co control de movemento PlayStation Move e que permite ao xogador meterse na pel do príncipe Deadmund para liberar o seu castelo das garras do bruxo Morgrimm e o seu exército de mortos viventes, para o que haberá que dominar os movementos de combate e utilizar o mando PS Move coma se fose unha espada, un arco ou uns shurikens.

En Medieval Moves haberá que enfrontarse a un exército de mortos vivintes

Medieval Moves tamén é compatible con televisores 3D, dando maior realismo ás aventuras do príncipe Deadmund e, aparte do seu modo historia, tamén contará cun modo multi xogador en liña, no que poderemos enfrontarnos ata a 3 amigos.
O xogo sairá á venda por 29,99 euros, aínda que tamén poderá adquirirse xunto cun mando PS Move e unha cámara PlayStation Eye por 74,99 euros. Tamén está dispoñible unha versión de demostración do xogo na PlayStation Network, para poder experimentar coa súa mecánica antes de decidir a súa compra.

O xogo poderá mercarse solto ou con PlayStation Move
O mando de PS Move poderá usarse como espada ou arco (e mesmo para lanzar estrelas ninja)

PUBLICIDADE