Meitu comercializará un smartphone inspirado en Sailor Moon

xoves, 11 de maio do 2017 Marcus Fernández

Meitu a compañía detrás da aplicación móbil que leva o mesmo nome, tamén vende teléfonos móbiles como o Meitu M8, un smartphone con pantalla Full HD de 5,2 polgadas, procesador MediaTek de 10 núcleos a 2,1 GHz, 4 GB de RAM, 64 GB de almacenamento interno, cámaras de 21 e 12 Mpíxeles (incluíndo tamén as célebres aplicacións fotográficas da compañía), Bluetooth 4.1, Wi-Fi AC, batería de 3.000 mAh con carga rápida, un grosor de 9,3 milímetros e un peso de 170 gramos, que estaba dispoñible por a partires de 2.599 iuans (346,56 euros) e que incluso contaba cunha edición especial de Hello Kitty, pero a cousa non remata aí, e veñen de facerse coa licenza dunha célebre serie de animación xaponesa que incluso pasou pola TVG: Sailor Moon.

O novo teléfono sairá á venda en Hong Kong no mes de xuño a un prezo de 2.899 iuans (386,55 euros) e non só estaremos ante un teléfono cun deseño exterior inspirado na serie de Naoko Takeuchi, senón que tamén virá acompañado un pau de selfie coa forma da vara máxica que portaba a protagonista da serie televisiva (a Guerreira Lúa). O terminal será de edición limitada, de xeito que só estarán dispoñibles 10.000 unidades, polo que non sería de sorprender que durante o verán pasen a converterse nun obxecto con certa popularidade nas páxinas web de poxas e vendas de segunda man.

Meitu tamén comercializa unha versión do Meitu M8 con deseños de Hello Kitty

PUBLICIDADE