Meizu presenta novos smartphones cunha segunda pantalla na súa parte traseira

xoves, 27 de xullo do 2017 Marcus Fernández

Innovar no mundo dos smartphones é cada vez máis complicado, e ao igual que LG ten dispositivos como o V20, cunha segunda pantalla para notificacións sobre a pantalla principal, os de Meizu quixeron sorprender cos seus PRO 7 e PRO 7 Plus, smartphones que integran unha pequena pantalla Super AMOLED de 2 polgadas na súa parte traseira que ten unha chea de funcións, aínda que o uso principal sería o de facer o propio das pantallas Always On de moitos terminais. A pantalla secundaria tamén resulta práctica para o uso do móbil como reprodutor multimedia sen prender a pantalla principal (o teléfono tamén conta cun procesador de audio dedicado, que consegue un son máis limpo).
O Meizu PRO 7 conta con 2 cámaras con sensor Sony IMX386 de 12 Mpíxeles e apertura f/2.0 (unha en branco e negro e outra en cor), cunha cámara traseira de 16 Mpíxeles para tirar os mellores selfies e unha pantalla Super AMOLED Full HD de 5,2 polgadas, mentres que o modelo Plus ten unha pantalla Super AMOLED de 5,7 polgadas cunha resolución de 2.560 x 1.440 píxeles, deixando claro que estamos ante un dispositivo digno de considerarse de gama alta.
O Meizu PRO 7 Plus opta por procesadores Helios X30 de MediaTek, fabricados con tecnoloxía de 10 nm, con 10 núcleos e a unha velocidade de reloxo máxima de 2,6 GHz (a versión básica confórmase cun Helios X25); integran 4 GB de RAM (LPDDR 4X) e 64 GB de almacenamento (eMMC 5.1) na versión normal e 6 GB de RAM e 64/128 GB de almacenamento (UFS2.1) na versión Plus.
Os distintos teléfonos tamén teñen diferenzas na batería, de xeito que o Meizu PRO 7 vén cunha batería de 3.000 mAh con mCharge 3.0, mentres que o PRO 7 Plus ten unha batería de 3.500 mAh con mCharge 4.0 que permite completar o 67% da súa capacidade en só 30 minutos de carga (para o que usa un cargador de 5 Amperes).
Os novos móbiles de Meizu estarán dispoñibles en varias cores e está previsto que cheguen a España no mes de setembro, e aínda que o prezo oficial para o noso mercado aínda non se anunciou, o vindeiro 5 de agosto chegarán ao mercado chinés a 2.799 iuans (355 euros) para o modelo básico e a 3.799 iuans (481 euros) no caso do PRO 7 Plus de maior capacidade.

O Meizu PRO 7 incorpora unha pantalla secundaria na súa parte traseira que resulta moi cómoda para empregar o teléfono como un reprodutor musical

PUBLICIDADE