Memoria USB de 128 Gb preparada para facer copias de seguridade

xoves, 22 de xullo do 2010 Marcus Fernández

Pensando no seu uso para copias de seguridade, Lexar Media anuncia a súa memoria USB Echo SE con 128 Gbytes de capacidade, o que resulta moi atractivo para usuarios de ultraportátiles e portátiles (que normalmente teñen capacidades de disco reducidas) de xeito que, de ter algunha avaría no seu equipo, poderán contar cunha copia doada de recuperar.
Estas unidades incorporan o software para facer copias de seguridade, facendo que o proceso de copia dos nosos contidos sensibles unha operación moi sinxela (pode programarse para a súa activación con só conectar a unidade ao noso ordenador), coa vantaxe de poder legar toda a información comodamente no peto, pois estamos ante unha unidade de tamaño reducido, o que non por iso ten un mal rendemento, pois ten unha velocidade de lectura de 28 Mbytes/segundo e de escritura de 10 Mbytes/segundo. Tamén soporta encriptación AES de 128 bits para manter os datos almacenados protexidos de miradas alleas en caso de perda da unidade de memoria.
A principal desvantaxe da Lexar Echo SE de 128 Gb é claramente o seu prezo, que é de 499,9 dólares (385,80 euros) aínda que tamén existen versións máis económicas en capacidades de 16, 32 e 64 Gb.

PUBLICIDADE