Memtec presenta dous espertadores para comezar o día a golpe de iPod

mércores, 15 de outubro do 2008 Fernando Sarasketa

Hai moitos xeitos de espertar, e se tivéramos que elixir entre facelo con música ou co bruar da amoladora dunha obra en construción contigua, sen dúbida elixiríamos a primeira opción. Sempre e cando non se tratase dunha obra que nos convén que se poña en marcha… ou dunha canción rexistrada nun karaoke con despedida de solteiro/a. Leas aparte, Memtec vén de poñer no mercado dous interesantes aparellos encamiñados a facernos o acordar un pouco máis agradable: os trebellos iH11 (o reloxo-espertador) e iP99 (a radio-espertador) para iPod. A idea é a seguinte: levar un pouco máis lonxe a teima dunha boa parte dos usuarios do dito reprodutor por carretalo a todas partes. Mesmo até a cama. Ou sexa, que os ditos trebellos serven tanto para deitármonos como para espertar.
Ámbolos dous presentan un coidado deseño que, a xuízo dos seus fabricantes, lles permiten afacerse a calquera situación e ambiente. Inclúen conexión universal para toda a gama iPod, son de calidade e unha entrada auxiliar para outros equipos de audio. Asemade, incorporan axustes de volume automáticos. Ou sexa: que, previo axuste, a música subirá ou baixará a medida que nos durmamos ou vaiamos espertando.
Polo que respecta ao equipo de música con radio iP99, estas son as súas características específicas: altofalantes estéreo de 10 W, mando a distancia, funcións sleep e snooze (a alarma repítese cada poucos minutos), presintonizador de 6 emisoras FM con sintonización numérica, alarma programable, alarma de seguridade (que soa aínda que o iPod/iPhone non estea conectado) e regulación automática do volume.
No que atinxe ao iH11 (que ten un prezo de case 60 euros), o reloxo espertador para iPod, dicir que é compatible con todos os iPod e ten as funcións habituais de calquera espertador, só que cos seguintes engadidos:
· Función Snooze: a alarma repítese cada poucos minutos.
· Función Sleep: acordamos ou deitámonos co iPod/iPhone mentres o volume aumenta ou diminúe.
· Tecnoloxía EXB: graves máis fondos.
· Función DST: control de luminosidade da pantalla no reloxo.
· Altofalantes con imán de neodimio.
· Conexión universal compatible con toda a gama iPod.

PUBLICIDADE