Memtec presenta un innovador altofalante para iPod

xoves, 17 de xullo do 2008 Raquel Noya

A compañía dedicada á importación de produtos informáticos e de electrónica de consumo para o mercado español, Memtec, vén de presentar o iH10 de iHome, un altofalante con radio FM para iPod.
O iH10 conta cun deseño “retro e desenfadado” que se adapta a calquera ambiente e que, debido ao seu reducido tamaño, permítelle ao usuario gozar da música do seu iPod e da radio en calquera lugar.
Este peculiar trebello contén unha caixa acústica de madeira que proporciona un son de calidade e tamén conta cun dock station universal para iPod. Asemade, grazas a uns clásicos botóns redondos, o control do dispositivo é preciso e intuitivo. Para cambiar de emisora, o usuario tan só terá que rotar o botón máis extenso (igual a como se facía anos atrás nos tradicionais equipos de radio analóxicos que, por certo, nunca fallaban) e o mesmo para axustar o volume ou cambiar a opción de radio a iPod.
Polo de agora, o modelo iH10 só está dispoñible en negro, nembargantes, os “amantes do clásico” poderán gozar deste altofalante en versión madeira máis adiante.
O altofalante inclúe ademais unha entrada auxiliar que lle permite ao usuario conectar calquera fonte de son como outros MP3 ou reprodutor de CD.
O seu prezo é de 69,90 euros.

PUBLICIDADE