Menos do 1% dos subscritores de Netflix goza dos seus videoxogos

luns, 8 de agosto do 2022 Marcus Fernández

Como unha medida de fidelización ofrece aos seus subscritores unha selección de xogos para dispositivos móbiles que poden descargar sen custo adicional, pero mentres anuncia que van dobrar o seu catálogo de xogos de aquí a finais de ano, dende Apptopia sosteñen que os xogos móbiles de Netflix terían 1,7 millóns de usuarios diarios, ou sexa, menos do 1% dos 221 millóns de subscritores do servizo.
Nun momento no que Netflix tocou teito e está a preparar novos plans con publicidade para poder reducir o prezo da subscrición e así ampliar o seu público obxectivo, sorprende que aposten por iniciativas que até o momento semellan un rotundo fracaso.
Polo momento non se fixo público o investimento que está a facer Netflix en videoxogos, pero enténdese que confían en por dar a volta á tortilla en canto consigan que algún dos seus títulos consigan xerar certo valor de marca ou, como mínimo, resulten algo populares, algo difícil co catálogo actual, na que boa parte dos xogos non deixan de ser versións de títulos anteriores, carentes de identidade, polo que resulta difícil que sexan percibidos como un valor engadido á subscrición de Netflix, que ao ser cada vez máis cara precisa de argumentos para que os usuarios non se dean de baixa.

PUBLICIDADE